Tania Castiñeira (+73, Hebe), Miryam García (-62, Patiño), Alma Pérez (-53, Suh Sport) e Junior Luciano Martínez (+87, Neka) participarán esta semana no Campionato de Europa sub 21, que está a celebrar en Helsingborg (Suecia) do 5 ao 8 de setembro. E non serán os únicos galegos presentes. Tamén estarán alí o técnico Pablo Carou como membro do corpo técnico da Española e a árbitra internacional María Bautista.

Os nosos deportistas viaxaron onte xunto ao resto da selección española sub 21 en dirección a Suecia. A primeira en competir será Alma Pérez (2001, Boiro) o día 6 de setembro. Alma explicou que leva todo o verán preparándose para esta importante cita: “Foi moi duro, pero todo sexa por chegar nas mellores condicións a este campionato. Imos co obxectivo de facer un gran papel, por suposto que conseguir medallas sería fantástico, pero somos conscientes de que o nivel é altísimo. Así que imos a intentar facer un bo papel e aprender cara ao futuro”.

O día 7 de setembro será a quenda para Miryam García (1999, Moaña), que chega a esta cita un pouco tocada, xa que rompeu o cuarto metacarpiano da man adestrando e por iso ”a preparación foi dura e algo complicada, dado que pola lesión da man non podía facer certos exercicios ou adestrar situacións reais dun combate”. Por iso, neste campionato o primeiro no que pensa é en “non facerme dano na man e, despois, ir pasando rondas e adquirir experiencia”.

Para o día 8 deixamos a Tania e Luciano Júnior. Tania Castiñeira (+73, Hebe) defende o subcampionato de Europa acadado o pasado ano en Varsovia e vai moi animada: “Vou coa intención de igualar ou mellorar a prata do pasado ano. As sensacións son moi boas e a verdade é que temos un gran equipo, moi unido”. Tania coñece a case todas as súas rivais e destaca por riba de todas á francesa Solène Avoulette, que foi a que lle gañou na final do pasado ano.

Júnior Luciano Martínez (1999, República Dominicana) explicou que a preparación foi bastante dura, “comezamos á semana despois do Campionato de España, e durante o verán adestramos case todos os días”. Á hora de marcar obxectivos, o galego soña co podio, aínda que sabe que será moi complicado: “Conseguir medalla sería brutal”.