VER RESULTADOS

Esta fin de semana (2 e 3 de novembro) disputarase, no pavillón de Príncipe Felipe, o  Campionato Internacional Cidade de Pontevedra, que reunirá a máis de 1.500 deportistas de todas as categorías e modalidades (combate, técnica, freestyle e exhibición).

Hoxe celebrouse no Concello de Pontevedra o acto de presentación do evento, que vai xa pola vixésima segunda edición. No mesmo participaron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o xefe provincial de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides; o deputado provincial Gregorio Agís; o presidente da Federación Galega de Taekwondo, Juan Carlos Eiriz e o presidente do Mace Sport, Miguel Cortegoso.

O competición comezará o sábado a primeira hora coas categorías júnior e infantil sobre 12 tapices dispostos no pavillón. Pola tarde será a quenda dos alevíns e cadetes, mentres que na mañá do domingo disputaranse as categorías absoluta e máster. O domingo pola mañá, tamén terá lugar a proba de técnica e, pola tarde, a de exhibición e  freestyle. Haberá taekwondistas de 76 clubs de toda Galicia e España, así como de  Colombia, Cabo Verde e Portugal. Cortegoso explicou que tiveron que pechar a inscrición, xa que non había tempo para máis combates e non pararán nin para comer. A tecnoloxía brillará neste evento, na que contarán coas últimas novidades aplicadas ao taekwondo.