Fin de semana de moita actividade en Galicia coa celebración do Open Cidade de Ourense de Combate e o Open Cidade de Monforte de Técnica e Freestyle.

Open Cidade de Ourense. O sábado 14 de decembro, a partir das 9:00 horas, celebrarase no Pavillón Paco Paz o Open Cidade de Ourense RG3, puntuable para o ranking galego.

 

Contará con máis de 300 participantes (entre técnicos e deportistas) e será a cita coa que se pechará o ano en competicións de combate en Galicia. O torneo está organizado polo centro deportivo Couto, en colaboración coa Federación Galega de Taekwondo, o Consello municipal de deportes de Ourense e a Deputación de Ourense.

 

Open Cidade de Monforte. O domingo 15 (a partir das 10:00 horas) disputarase o primeiro Open Cidade de Monforte das modalidades de técnica e freestyle, con máis de 150 participantes. A organización corre a cargo do Club Neka, en colaboración coa Federación Galega de Taekwondo e o Concello de Monforte. A competición comezará coa Técnica e a partir das 13:30 será a quenda do Freestyle.